O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, deu a coñecer hoxe unha proposta de acordo que se levará ao Pleno ordinario deste xoves. O obxectivo é garantir a continuidade do servizo do asilo unha vez que finalice a actividade das Hermanitas de los Ancianos Desamparados. A proposta someterase á Corporación municipal para a extinción da Comunidade de Bens existente.
Establécese un período liquidatorio que se extenderá ata o ano 2032. Durante este tempo, o Concello autoriza á congregación a elixir unha empresa para asegurar a prestación do servizo aos máis de 70 usuarios que conta actualmente. Unha vez finalizado o prazo de liquidación, a totalidade das dependencias pasarán a ser propiedade exclusiva da Administración local.
Doce meses antes de chegar á data de vencemento, é dicir, en 2031, o Concello sacará a concurso público a explotación do inmoble. O proceso de licitación deberá ter en conta non só as ofertas económicas, senón tamén o proxecto de explotación, o mantemento e a creación de emprego local. Durante o período liquidatorio, a xestión e o mantemento correrán a cargo das Hermanitas e da empresa elixida, co compromiso de respectar os contratos do persoal e dos usuarios.
As prazas vacantes que queden libres poderanse ofertar nas condicións que acorden a congregación e a empresa ata xuño de 2032, sempre cun dereito preferente para veciños e veciñas de Caldas de Reis que nacesen ou leven máis de cinco anos empadroados no municipio. O período liquidatorio tamén se establece para o pagamento dos dereitos que lles corresponden ás irmáns polas obras realizadas durante os anos que desenvolveron o seu labor.




