A formación nacionalista Betanzos agradeceu a Salvador González a súa "seriedade, responsabilidade e capacidade de traballo" durante o seu mandato, destacando a súa implicación e compromiso co proxecto e coa defensa dos intereses da veciñanza.
O responsábel local do BNG de Betanzos, Moncho Bouzas, eloxiou a "enorme vontade de achegar propostas e solucións para mellorar a cidade" amosada polo xa exedil, sinalando que "só podemos ter palabras de agradecemento polo esforzo e pola dedicación demostrada".
A organización subliña que a saída de González non implicará grandes cambios, xa que "continuará participando no día a día da organización", implicándose na toma de decisións e na actividade política e social do BNG en Betanzos.
O BNG de Betanzos xa está a traballar na incorporación dunha nova persoa ao grupo municipal, buscando "o mellor perfil posible" para reforzar o proxecto nacionalista de cara ao tramo final do mandato e aos próximos retos electorais.




