Curtis instala un panel informativo sobre seguridade para as festas

O concello busca garantir o benestar dos veciños e visitantes durante os eventos de verán coa delimitación de espazos e vías de evacuación.

Imaxe dun panel informativo na fachada dun concello galego.
IA

Imaxe dun panel informativo na fachada dun concello galego.

O Concello de Curtis reforza a seguridade das festas de verán coa instalación dun panel informativo na fachada da casa consistorial en Teixeiro.

O Concello de Curtis avanza na seguridade das celebracións previstas para este verán no municipio. Co obxectivo de manter informados e preservar o benestar de veciños e visitantes, instalouse na fachada da casa consistorial, en Teixeiro, un panel informativo.
Neste panel pódese consultar a Memoria Técnica de Seguridade, elaborada por unha empresa experta, que delimita os espazos permitidos para atraccións de feira e barracas, así como as vías de evacuación que deben permanecer libres para vehículos de emerxencia.
Este plan de seguridade estará activo durante os espectáculos musicais na praza de España e nos períodos de descanso entre sesións, cando as atraccións de feira permanecen nas rúas.
O Concello destaca que "os cambios organizativos requiren un tempo de adaptación, pero abrir camiños á seguridade é innegociable" e que "con este novo deseño do espazo urbano garantimos que a resposta sexa inmediata ante calquera incidente, sen perder nin un chisco da ledicia que caracteriza estas festas".
Ademais, animan á cidadanía a consultar o panel e toda a información contida nel para "desfrutar dunhas festas con sentidiño".