Tras un proceso inicial de licitación pública que quedou deserto, a administración local optou por establecer contactos directos con persoas e empresas que previamente manifestaran interese en instalarse no mercado. Esta estratexia permitiu cubrir a maioría dos espazos, consolidando o proxecto como un novo punto de referencia comercial, gastronómico e social para Betanzos.
Aos tres espazos xa concedidos hai semanas, destinados a produtos gourmet e dous establecementos de hostalería, sumáronse recentemente as concesións da cafetaría da planta baixa con terraza exterior, a cafetaría da planta superior, outros dous postos de hostalería, e os dedicados a carnicería, peixería e panadaría. Deste xeito, o mercado ofrecerá unha combinación de oferta tradicional e gastronómica, seguindo o modelo de integrar produtos frescos e de proximidade con espazos de restauración e dinamización social e turística.
“"Será un elemento clave para seguir revitalizando o casco histórico e xerar actividade económica e social nunha das zonas máis emblemáticas da cidade."
A rexedora local subliñou a boa acollida por parte dos profesionais nesta nova fase e expresou a súa confianza en que o mercado contribuirá significativamente á dinamización do casco antigo. Tamén recordou que a recuperación do edificio forma parte da aposta do Concello por poñer o patrimonio histórico ao servizo da cidadanía, grazas á captación de fondos europeos para proxectos de rexeneración urbana.
O obxectivo do goberno local é que o mercado se converta nun espazo vivo e atractivo, tanto para os veciños como para os visitantes, combinando a oferta gastronómica, o comercio de proximidade e actividades que impulsen a vida no casco histórico.




