O Goberno galego informou que o obxectivo destas probas é que a poboación das zonas afectadas e os medios e recursos adscritos ao plan Inungal se familiaricen co son das sirenas, ademais de verificar o correcto funcionamento dos sistemas de activación.
Durante as probas sonoras, activaranse máis dun centenar de sirenas distribuídas por todo o territorio. Estas accións contan coa colaboración dos titulares das infraestruturas hidráulicas, entre os que se atopan Alúmina, Emalcsa, Endesa, Iberdrola, PHG, Naturgy, Xeal, Adelanta e Augas de Galicia.
Tamén participará persoal da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, membros de Protección Civil dos concellos afectados e persoal da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
Ademais, activaranse as catro sirenas vinculadas ao plan de emerxencia exterior da balsa de lodos vermellos situada en Xove.




