O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Paderne, Sergio Platas, asinaron un convenio de colaboración para financiar as obras de mellora e pavimentación da estrada municipal que conecta Brión e Vigo, na parroquia de Paderne.
As actuacións, que buscan renovar integralmente a capa de rodadura da vía debido ás súas actuais deficiencias, contan cun investimento total de 112.590,88 euros. A institución provincial asumirá o 80% deste custo, cunha achega máxima de 90.072,70 euros, mentres que o Concello de Paderne sufragará o restante.
Valentín González Formoso destacou o compromiso do goberno provincial coa mellora da calidade de vida no rural e a garantía de comunicacións seguras e dignas, subliñando a importancia do bo estado das estradas municipais para a veciñanza.
A intervención xustifícase polas "numerosas fochancas e fendas na superficie" da estrada, que supoñen un risco para a seguridade viaria. Incluirá limpeza, estendido dunha nova capa de mestura bituminosa e a colocación de nova sinalización vertical e reflectante.
Pola súa banda, Sergio Platas agradeceu a colaboración da Deputación, asegurando que a mellora da estrada "mellorará o tráfico na parroquia e beneficiará a ducias de veciñas e veciños". Tamén sinalou que sen a axuda provincial, concellos pequenos como Paderne terían dificultades para acometer proxectos desta envergadura.




