A iniciativa, que conta co apoio da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, presenta como un dos seus grandes atractivos a Feira do Comercio Local. Organizada pola Asociación do Comercio de Teixeiro, esta feira instalarase nunha carpa na mesma praza e disporá dunha zona de xantar.
O programa da feira comezará o sábado ás 12:00 horas co pregón inaugural, seguido dun showcooking ás 13:00 e a actuación de Os Carecos ás 14:00. Pola tarde, haberá outra sesión de showcooking ás 18:00 horas.
O domingo, a feira abrirá ás 11:00 horas. Media hora despois, terán lugar dúas sesións de showcooking máis. Pola tarde, actuará o grupo Asuntos Prohibidos ás 13:30 e as pandeireteiras de Xacarandaina ás 18:00. A xornada clausurarase ás 19:00 horas con sorteos.
Ademais da feira, a noite do sábado estará marcada pola XIV Ruada de Teixeiro, que comezará ás 19:00 horas na praza de España cunha "foliadiña", seguida dunha foliada con grupos convidados e unha foliada aberta. A ruada incluirá pinchos gratuítos e sorteos.
Durante os dous días do evento, os asistentes poderán visitar unha exposición de cogomelos na praza de España. Tamén se organizará unha ruta gastronómica polos establecementos de hostalaría de Curtis e Teixeiro.
O sábado, ás 10:00 horas, partirá desde a praza de España unha saída de recollida de cogomelos guiada por expertos da Asociación Pan de Raposo.
Para máis información, os interesados poden contactar coa Casa do Concello en Teixeiro (981 789 003), a Oficina Municipal de Curtis (981 777 105), a web www.curtis.gal ou o correo electrónico info@concellodecurtis.org.




