O Goberno local enviou un escrito á distribuidora UFD Distribución Electricidad para expresar o seu descontento ante as interrupcións reiteradas que se están a producir en diferentes puntos do concello. Segundo o texto, estas incidencias están a provocar importantes prexuízos tanto á veciñanza como ao tecido empresarial local.
O alcalde, Javier Caínzos, sinalou que "esta situación non pode continuar", xa que se trata dun servizo básico que afecta directamente á vida dos veciños e ao funcionamento das empresas. Por iso, instou á compañía a actuar con responsabilidade e dar unha resposta á altura das necesidades do municipio.
As incidencias afectan principalmente á parroquia de Santaia, nos lugares de Teixeiro, Outeiro, Carballas e Penedo-Teixeiro, así como ao Polígono Industrial Curtis-Teixeiro. Tamén se rexistran problemas en O Seixo de Arriba e O Seixo de Abaixo, na parroquia de Lourdes.
Segundo recolle o escrito, nos últimos meses estanse a producir interrupcións practicamente diarias e sen aviso previo. Ademais das molestias nos fogares, estes fallos comprometen a actividade dos comercios e das empresas, aos que se suman posibles danos materiais e perdas económicas derivados das variacións de tensión.
“"Esta situación non pode continuar, porque estamos a falar dun servizo básico que afecta directamente á vida dos nosos veciños e ao funcionamento das empresas."
Ante esta situación, o Concello solicita unha revisión técnica inmediata das instalacións eléctricas que abastecen as zonas afectadas, así como a posta en marcha das obras de reparación, modernización e mellora necesarias. A reclamación inclúe tamén a petición dun informe sobre o estado da rede e dun calendario concreto de actuacións.
O Goberno local considera prioritario poñer fin a estas deficiencias e garantir unha subministración eléctrica estable e de calidade en todo o municipio. Ademais, o concello pon a disposición dos veciños que sufran perdas ou avarias nos equipos de produción unha ventá para canalizar todas as queixas e presentar reclamacións á empresa suministradora.




