O Concello de Curtis formalizou este xoves ante notario a compra do antigo restaurante Casa Miraz e do antigo cine de Teixeiro. Ambas as parcelas, situadas nos números 14 e 12 da avenida Doutor Martínez Pardo, xa son patrimonio municipal tras unha operación de 330.000 euros.
A parcela de Casa Miraz, adquirida por 285.000 euros, conta cunha superficie de 1.939 metros cadrados e tres edificacións que suman 811 metros cadrados construídos. O antigo cine, contiguo, foi adquirido por 45.000 euros. As compras financiáronse con dous préstamos sen xuros do Fondo de Cooperación da Xunta.
Un equipo técnico xa traballa no proxecto de rehabilitación para transformar os inmobles en espazos modernos e accesibles. Tras a intervención, acollerán distintos servizos públicos con usos sociais, xuvenís, culturais e formativos.
As propostas do proxecto presentaranse publicamente para facilitar a participación veciñal, buscando que os futuros espazos respondan ás necesidades da cidadanía. Esta actuación ampliará as dotacións públicas de Teixeiro e contribuirá a revitalizar a contorna entre a praza de España e a estación.




