A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora xeral da Axencia Galega de infraestruturas, María Deza, anunciou hoxe a licitación, cuxo prazo para a presentación de ofertas remata o próximo 17 de decembro. Unha vez resolta a contratación, a previsión é adxudicar e iniciar os traballos cun prazo de execución de 12 meses.
O proxecto abranxe 2,4 quilómetros da AC-542, entre a conexión coa AC-840 e o enlace coa autovía A-6. O obxectivo principal é reforzar a seguridade de condutores e peóns nunha vía que conecta diferentes núcleos de poboación e facilita o acceso a centros asistenciais.
As principais intervencións inclúen a creación dun itinerario peonil continuo e accesible, e a construción dunha nova glorieta na intersección coa N-VI para ordenar a circulación. Tamén se executará un novo viario de acceso ao centro Pai Menni, eliminando o actual cruzamento con semáforos, e ampliarase o paso superior sobre a vía do ferrocarril.
As melloras completaranse coa habilitación de novos pasos de peóns, o reforzo da iluminación e sinalización, e a implantación de medidas de calmado do tráfico nos puntos máis sensibles.
Esta actuación enmárcase nun convenio coa asociación Stop Accidentes para impulsar medidas de seguridade viaria e é froito do diálogo coa veciñanza de Infesta, o centro asistencial Pai Menni e a propia asociación Stop Accidentes, cuxas achegas foron incorporadas ao proxecto.




