A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático deu resposta á solicitude municipal, cunha resolución que se produce en menos dun ano. O novo título concesional, cun prazo de 30 anos, permitirá abordar a mellora e ampliación dun equipamento público xa existente destinado a uso lúdico e recreativo.
A actuación prevista inclúe a incorporación dun circuíto de calistenia e novo mobiliario urbano. Substituiranse os xogos infantís, o pavimento e o valado actuais, e ampliarase a superficie para instalar o circuíto ximnástico, mesas, bancos, papeleiras e unha fonte. A utilización do espazo será de carácter xeral, público e gratuíto.
As obras deberán comezar como máximo en 12 meses e estar rematadas nun prazo de 24 meses. O título autoriza exclusivamente a ocupación do dominio público marítimo-terrestre e non exime o Concello da obtención doutros permisos necesarios.




