O Consello da Xunta deu luz verde á contratación das obras para a mellora de diversas vías na Costa da Morte. Este proxecto, cun orzamento que rolda os 3,5 millóns de euros, centrarase na renovación do firme para garantir o mantemento e a conservación de importantes tramos viarios.
As actuacións abranguerán a vía de altas prestacións VG-1.4 (Cee-Sardiñeiro), así como as estradas AC-404 (Santa Comba-Baio), AC-429 (Ponteceso-Laxe), AC-440 (Berdoias-Muxía), AC-444 (Negreira-Ponte Failde), AC-546 (Negreira-A Pereira), AC-550 (Cee-Ribeira) e a AC-552 (A Coruña-Cee). En total, intervirase en preto de 65 quilómetros de lonxitude.
Os traballos proxectados afectarán a dez concellos da comarca: A Baña, Cabana de Bergantiños, Cee, Fisterra, Laxe, Muros, Muxía, Santa Comba, Vimianzo e Zas. O obxectivo principal é optimizar as características funcionais destas infraestruturas e reforzar a seguridade viaria para os usuarios. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas será a encargada de licitar estas actuacións nas vindeiras semanas.
Adicionalmente, a Xunta aprobou a construción de dúas novas sendas peonís na estrada AC-433, no concello de Laxe, cun investimento que superará os 1,1 millóns de euros. Estes novos itinerarios, que se estenderán por case dous quilómetros (1.903 metros) pola marxe dereita da vía, conectarán o núcleo de Castrelo coa senda xa existente en Serantes e, posteriormente, con Laxe.
Con estas iniciativas, o Goberno galego busca dar continuidade aos itinerarios xa executados na AC-433 en Soesto e Serantes, creando así un percorrido continuo e seguro para os peóns. Estímase que este proxecto poida ser cofinanciado con fondos europeos Feder 21/27.




