As consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar da Xunta consensuaron unha proposta de protocolo de actuación, xa trasladada ao Concello de Carballo, para establecer un marco de colaboración entre as administracións implicadas na conservación da lagoa de Baldaio.
A principal actuación prevista a curto prazo é a apertura da canle estuarina co fin de devolverlle a súa funcionalidade, favorecer a circulación da auga e restablecer a conexión ecolóxica entre a lagoa e o medio mariño. A Consellería do Mar achegará os medios materiais necesarios para estas intervencións, mentres que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático coordinará e autorizará os traballos.
O Concello de Carballo comprométese a colaborar e facilitar o desenvolvemento dos traballos, en especial desde o punto de vista operativo e loxístico, no marco das súas competencias de xestión e protección ambiental.
Esta iniciativa responde á necesidade de dar unha resposta coordinada á situación da zona húmida Marismas de Baldaio, integrada na Rede Natura 2000, onde a perda da conexión natural co mar está a deteriorar as condicións ambientais, dificultando a renovación da auga e comprometendo a actividade marisqueira e a salubridade.
A proposta recolle actuacións inmediatas para recuperar a funcionalidade da canle estuarina e restablecer a conexión ecolóxica. Executarase a apertura da canle entre o aliviadoiro e a praia, adaptada á dinámica natural do sistema, aproveitando a baixamar e adoptando medidas de seguridade para minimizar a afección sobre os hábitats protexidos.
Ademais, prevese a creación dunha comisión técnica de seguimento, con representantes das consellerías, do Concello de Carballo e da Demarcación de Costas do Estado, para elaborar unha proposta global de intervención e xestión que garanta a conservación favorable dos hábitats e especies, e a continuidade dos aproveitamentos marisqueiros tradicionais.
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, tamén se dirixiu ao Ministerio para a Transición Ecolóxica para solicitar a implicación da Demarcación de Costas do Estado na recuperación da lagoa, instando á reparación do espigón existente e á elaboración dun estudo sobre a dinámica litoral da praia de Baldaio.




