A Consellería do Mar, por medio de Portos de Galicia, deu un paso máis na integración do porto de Malpica coa vila coa instalación dunha marquesiña pública. Esta nova infraestrutura, situada na zona portuaria, está pensada para o desfrute da veciñanza e responde a unha petición cidadá para dispor dunha zona resgardada fronte ás inclemencias meteorolóxicas.
A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, visitou a zona para detallar a actuación. Villaverde explicou que a marquesiña non só ofrece protección fronte ao mal tempo senón que tamén contribúe á ordenación do solo portuario, favorecendo unha estancia confortable e segura para os peóns e minimizando o tránsito polo interior do peirao.
Esta intervención mellora a accesibilidade e o confort dos usuarios, especialmente para as persoas xubiladas, que son máis vulnerables ás condicións meteorolóxicas adversas. A conselleira destacou o baixo impacto construtivo da obra e o seu elevado interese social, aliñado cos principios de accesibilidade universal, seguridade e fomento do uso social do porto como espazo de convivencia.
A marquesiña ten unha lonxitude de 9 metros e un ancho de 2,5 metros. O investimento total na construción e instalación desta infraestrutura foi de 25.000 euros.




