O Goberno galego, a través da Consellería de Economía e Industria, anunciou a súa intención de abrir unha nova etapa na política mineira da rexión. O obxectivo é aproveitar a crecente demanda de recursos estratéxicos para sectores clave como a defensa, a automoción e o aeroespacial, nos que Galicia posúe 18 dos 34 materiais críticos identificados pola Unión Europea.
O concurso, que se prevé lanzar nas vindeiras semanas, centrarase en dereitos de explotación sobre minas con presenza xa probada de recursos. Isto permitirá ás empresas solicitar directamente a concesión para xacementos de ouro, volframio e estaño, principalmente na provincia da Coruña. Entre os proxectos que se poderían incluír están os de Corcoesto (en Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco, para ouro e ferro), San Finx (en Lousame, para volframio e estaño) e Santa Comba (tamén en Coristanco e Cabana de Bergantiños, para volframio).
“"Sen un plan social á altura, non haberá proxecto."
Estímase que estas explotacións poderían xerar un valor de preto de 7.000 millóns de euros, mobilizar 200 millóns de euros en investimento directo e crear máis de 250 empregos directos e 750 indirectos. Unha das novidades máis destacadas do concurso é a obrigatoriedade de que as empresas presenten plans sociais vinculados ao territorio, financiados cunha porcentaxe dos beneficios de cada proxecto. Estes plans deberán adaptarse á realidade de cada comarca e deseñarse coa participación da cidadanía, incluíndo medidas para a mocidade, formación, retorno de poboación, apoio a maiores e diversificación económica. A Xunta subliñou que estes plans serán determinantes na valoración das ofertas e no seguimento dos proxectos.
Ademais das concesións de explotación, o concurso incluirá máis de 100 dereitos mineiros nas catro provincias para permisos de investigación. Estes abarcarán materias primas clásicas como caolín, arxila, cuarzo, feldespatos e granito, así como minerais críticos como litio, niobio ou tántalo na zona de Beariz e Beade, e cobre en Becerreá. A oposición, con todo, criticou o modelo proposto, acusando á Xunta de poñer os recursos galegos ao servizo de empresas de capital exterior e de falta de planificación industrial.




