A Xunta de Galicia pon en valor os resultados acadados na aldea do Couto, en Ponteceso, grazas ás intervencións executadas o ano pasado no marco do proxecto piloto Couto Florido. Esta iniciativa participativa de colaboración público-privada terá continuidade este ano coa execución de novas actuacións.
O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, acompañado por membros da Fundación Eduardo Pondal, confirmou que a Xunta seguirá colaborando para darlle continuidade ao proxecto, que busca ser unha ferramenta efectiva para a revitalización do rural e que podería replicarse noutros pobos de Galicia.
Na segunda fase do Couto Florido, as intervencións centrarase na eliminación ou redución dos impactos paisaxísticos que poden causar sobre a contorna natural determinados defectos estéticos ou o desgaste de inmobles e espazos públicos.
Nestes traballos colaborarán o IET, a Fundación Eduardo Pondal e contarán coa participación directa dos veciños, consultados previamente para deseñar o mapa das intervencións. Os primeiros traballos iniciáronse hoxe, 7 de agosto de 2026, e desenvolveranse ao longo do mes.




