A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu o Informe de Impacto Ambiental (IIA) que conclúe que non se prevén efectos adversos significativos na contorna, sempre que se cumpran os condicionantes fixados. O informe foi elaborado tras someter a documentación a participación pública e consultar aos organismos interesados.
As avaliacións realizadas consideran que o proxecto é viable co cumprimento de certos condicionantes establecidos nos informes, relacionados coa protección da atmosfera, poboación e saúde; da auga e leitos fluviais; do patrimonio cultural; xestión de residuos e integración paisaxística.
O proxecto prevé a urbanización e conexións exteriores do parque empresarial, ocupando máis de 173.000 metros cadrados, dos cales máis de 44.700 metros cadrados se destinarán a zonas verdes. Inclúe a construción de glorietas, ramais, acondicionamento de parcelas, zonas de aparcamento e melloras en saneamento e abastecemento de augas.
Unha vez emitido o IIA, a resolución remitiuse ao órgano substantivo e será publicada no Diario Oficial de Galicia e na web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.




