A biblioteca municipal Rego da Balsa, en Carballo, convértese estes días nun escaparate do talento e a creatividade das persoas maiores do concello. A exposición reúne unha selección de pezas elaboradas polo alumnado que participou nas actividades lúdico-formativas do programa Remocea, desenvolvidas entre outubro e maio.
Na apertura da mostra estiveron presentes o alcalde, Daniel Pérez, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, quen puideron valorar a calidade das obras e conversar cos participantes e a monitora. O acto contou cunha ampla representación das persoas que asistiron aos obradoiros nas parroquias de Carballo, Verdillo, Aldemunde, Razo, Cances, Oza, Ardaña e Noicela.
A monitora encargada explicou que o plan de traballo se estruturou para fomentar o envellecemento activo, a socialización e a aprendizaxe de novas habilidades. Os obxectos expostos inclúen pezas de floraría, decoración de Nadal, barro e modelado, macramé e labores de artesanía.
O programa tamén incluíu módulos de estimulación cognitiva e memoria, relaxación e estiramentos, ximnasia e mobilidade, ademais de sesións de baile e pandeireta. A exposición poderá visitarse na biblioteca municipal ata mediados deste mes.
En total, 342 persoas participaron nestas actividades, que se suman ás 157 dos talleres de smartphone e ás 700 do programa de exercicio físico para maiores, reflectindo o compromiso do concello co benestar da terceira idade.




