O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe o MercaEdillo, unha iniciativa apoiada pola Xunta que se celebra en Carballo ata o domingo. Alén destacou a ampliación da feira a tres días, consolidándose como unha cita imprescindible para dinamizar as vendas de proximidade no rego da Balsa.
O representante autonómico puxo en valor os 21 postos establecidos e os 16 comercios que participan desde os seus propios locais, ofrecendo descontos de ata o 80% en diversos sectores como moda, calzado, deporte, alimentación, xoguetes e produtos de segunda man. A apertura do mercado dende o venres pola mañá busca dinamizar o consumo local durante toda a fin de semana, complementada por actividades infantís e obradoiros de galletas artesanais.
No marco da iniciativa, instalouse un posto informativo da campaña autonómica ‘Comercio Compensa’. Esta campaña, promovida polo Goberno galego, busca fomentar hábitos de compra responsables, o uso de alternativas reutilizables e pór en valor o comercio de proximidade. As persoas que presenten un tícket de compra recibirán unha bolsa de tea da campaña, ata esgotar existencias.




