O evento, promovido polas concellerías de Servizos Sociais e Igualdade e Feiras e Mercados, conta coa participación de 14 entidades sociais que desenvolven a súa actividade na localidade. Cada organización dispón dun posto para dar a coñecer o seu labor, ofrecer información e levar a cabo actividades de sensibilización.
Entre as actividades programadas atópanse un obradoiro de reutilización de redes de pesca, unha exhibición de música do Senegal e un taller de chapas. Ademais, os asistentes poden visitar a exposición Que pasaría se non existisen as entidades sociais?, pensada para reflexionar sobre o papel esencial do tecido asociativo na sociedade.
O programa complétase cun servizo de canguraxe e animación infantil, co obxectivo de facilitar a conciliación das familias, así como cunha actuación musical a cargo da Charanga Benofán.




