A decisión xorde tras unha reunión entre representantes municipais e a plataforma veciñal contraria á instalación, que manifestou a súa fonda preocupación social e ambiental. O goberno local de Carballo considera que o proxecto, polas súas dimensións e localización, podería ter un impacto negativo non só no termo municipal da Laracha, senón tamén no seu propio concello, afectando á calidade de vida e ao medio natural.
Ademais das accións administrativas, o grupo de goberno municipal levará unha moción ao próximo pleno co obxectivo de acadar o máximo consenso político e institucional fronte a esta ameaza. O Concello de Carballo tamén se comprometeu a apoiar as convocatorias da plataforma veciñal e a facilitar a participación cidadá, poñendo á disposición dos veciños un modelo de alegacións tipo para simplificar o proceso de presentación de reclamacións.
A preocupación pola planta de biogás céntrase no seu funcionamento, baseado na dixestión anaerobia de materia orgánica para producir metano. Aínda que a industria a defende como "enerxía verde", a oposición veciñal e técnica rexeita o proxecto por varios puntos críticos, como os cheiros, a saturación do tráfico e o risco de contaminación da auga, o aire e os solos agrícolas.
Expertos consultados polo goberno municipal carballés alertan de que o proxecto da Laracha "desvirtúa o obxectivo real dunha planta de biogás", xa que destina unha parte mínima ao tratamento de puríns e case a totalidade da carga serían lodos de conserveiras, restos de matadoiros e residuos industriais. Isto implica un risco de presenza de metais pesados que os sistemas de depuración convencionais non poden eliminar con facilidade. Esta situación agravaríase pola situación do río, que no verán ten un caudal moi baixo, o que aumentaría a concentración de contaminantes e metais, alertando os técnicos dun "risco sanitario real".




