A Xunta de Goberno Local do Concello de Carballo aprobou as bases dunha nova convocatoria de axudas para a organización de festas populares, dotada cun orzamento total de 27.500 euros. O obxectivo é apoiar ás comisións e agrupacións veciñais na celebración de festas tradicionais, patronais ou gastronómicas consolidadas, contribuíndo así á conservación da identidade cultural e á cohesión social.
As celebracións subvencionables terán lugar entre o 1 de novembro de 2025 e o 31 de outubro de 2026. Para poder acollerse a estas axudas, as actividades deberán estar abertas a toda a cidadanía, ter entrada libre e gratuíta e desenvolverse en espazos públicos ou veciñais accesibles. Quedan excluídas as festas da xuventude, as de carácter particular ou privado e aquelas organizadas con fins lucrativos.
A contía da subvención será de 500 euros por cada xornada festiva que inclúa unha verbena ou concerto cunha orquestra, grupo musical en directo ou solista de renome. Non se considerarán para esta axuda as actuacións de solistas, dúos, tríos de animación musical nin de DJs.
O prazo para presentar as solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e finalizará o 3 de novembro de 2026. A achega municipal non poderá superar o 50% do custo total da actividade, e o orzamento presentado pola organización deberá ser, como mínimo, o dobre da subvención solicitada. As axudas poderán destinarse a gastos como a contratación de actividades musicais, alugueiro de infraestruturas, seguros, dereitos de autor, publicidade ou pirotecnia.
Ademais destas axudas directas, o Concello tamén presta apoio a través de servizos municipais como limpeza, recollida de residuos, acondicionamento de espazos e préstamo de equipamentos.
Por outra banda, na mesma sesión aprobouse unha subvención nominativa de 2.000 euros para Lenda Educativa SCG, destinada ao programa 'Actividades deportivas inclusivas 2026'. Esta entidade sen ánimo de lucro desenvolve en Carballo actividades físico-deportivas adaptadas a persoas con diversidade funcional, incluíndo propostas acuáticas e surf, cun orzamento global de 6.499,67 euros.




