O obxectivo principal desta nova estrada é crear unha vía de circunvalación polo sueste do núcleo urbano de Carballo. Esta actuación permitirá conectar o parque empresarial de Bértoa, a estrada AC-552 e o enlace Carballo leste da AG-55 coas vías DP-1914 e AC-413, situadas ao sur e sueste da localidade.
A aprobación definitiva deste proxecto tamén implica a declaración de utilidade pública. Unha vez completado o trazado, iniciarase a redacción do proxecto construtivo para poder materializar a execución das obras.
A nova variante busca captar e canalizar os tráficos de medio e longo percorrido procedentes do parque empresarial e da zona norte de Carballo cara a Santiago de Compostela pola DP-1914, e cara a Ordes e a N-550 a través da AC-413. Deste xeito, preténdese evitar que estes vehículos atravesen a trama urbana da capital de Bergantiños.
Esta actuación mellorará o servizo ao polígono de Bértoa, un importante motor económico para Carballo. Ademais, evitará o paso de vehículos pesados polo centro urbano, en particular polas inmediacións do instituto Alfredo Brañas, do colexio Fogar e do complexo deportivo.
Estímase que para o ano 2045, a intensidade media diaria de tráfico na nova estrada oscilará entre os 8.747 e os 11.360 vehículos. A vía, cunha velocidade de proxecto de 80 km/h, contará con conexións a nivel mediante glorietas e terá accesos restrinxidos, agás nestes puntos de conexión.
A estrada, cunha lonxitude total de algo máis de 3,6 quilómetros, estruturarase en dous tramos. O primeiro, de 2,8 km, comezará nunha nova glorieta na AC-413 e rematará na existente na AC-552. O segundo tramo, de 0,8 km, iniciará na DP-1914 e finalizará noutra nova glorieta na AC-413.
A sección tipo xeral incluirá dous carrís de 3,50 metros, beiravías de 1,5 metros e bermas de 1 metro. As estruturas previstas comprenden un viaduto de 340 metros sobre o río Anllóns, dous pasos superiores e un paso inferior de 10x4,5 metros.
Tamén se construirá un muro de contención e un marco para o rego Añón. As dúas glorietas, de 60 e 70 metros de diámetro, contarán con dous carrís e estarán situadas nas interseccións coa AC-413 e a DP-1914.
O Goberno galego destaca que esta actuación forma parte do seu compromiso co impulso de "infraestruturas que permitan unha Galicia mellor conectada e máis vertebrada, mellorando as comunicacións nos municipios e favorecendo unha mobilidade máis cómoda e segura".




