A Xunta de Galicia, a través das consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar, propuxo un protocolo de actuación para restaurar a lagoa de Baldaio, en Carballo. O obxectivo principal é restablecer a conexión natural co océano para mellorar a calidade da auga, evitar episodios de anoxia e protexer os hábitats e a actividade marisqueira.
O protocolo, xa trasladado ao Concello de Carballo para a súa valoración e posible adhesión, busca establecer un marco de colaboración entre as administracións implicadas. A Xunta tamén solicitou a participación do Goberno central na conservación e recuperación deste enclave, considerado un espazo húmido de gran valor ecolóxico.
A Consellería do Mar achegará os medios materiais para actuacións de emerxencia destinadas a corrixir a situación hidrolóxica, mentres que Medio Ambiente coordinará e autorizará os traballos. O Concello de Carballo comprométese a facilitar a loxística e operacións necesarias.
A perda da conexión co mar ten provocado un deterioro ambiental na lagoa, integrada na Rede Natura 2000. O peche reiterado da canle dificulta a renovación da auga, favorece a anoxia e eleva a temperatura, comprometendo os hábitats, as especies e a viabilidade do marisqueo.
As actuacións inmediatas centrarase en recuperar a funcionalidade da canle, abrindo o paso entre o alivadoiro e a praia durante a baixamar para aproveitar a dinámica das mareas e facilitar o intercambio de auga. Adoptaranse medidas de seguridade e limitarase o impacto da maquinaria.
Ademais das accións urxentes, crearase unha comisión técnica con representantes da Xunta, o Concello de Carballo e a Demarcación de Costas do Estado para buscar unha solución a longo prazo e elaborar un plan integral de xestión.
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, tamén se dirixiu ao Ministerio para a Transición Ecolóxica para solicitar a súa implicación, argumentando que a situación actual tamén se debe a actuacións sobre o dominio público marítimo-terrestre, competencia estatal. Reclamou a execución de actuacións como a reparación do esporón existente e un estudo sobre a dinámica litoral.




