A compañía catalá Titzina iniciará a xira estatal da súa nova montaxe, Disección de la bondad en tres actos, unha farsa de investigación sobre os límites entre a verdade, a memoria, a identidade e a mentira. A obra, que se estrea en Galicia, poderase ver o venres 30 de outubro ás 21:00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura.
O sábado 31, Rafael Álvarez, El Brujo, pechará a programación escénica coa estrea en Galicia de La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús. Trátase dun monólogo que combina humor, improvisación, música en directo e reflexión espiritual, revisando a figura de Xesús desde unha perspectiva pouco habitual.
A recta final do FIOT comezará este xoves 29 de outubro cun encontro de Titzina con Daniel Galindo, xornalista cultural de RNE, dentro do programa Onda FIOT – Escola do Espectador nas Ondas. A actividade, de entrada libre, terá lugar ás 20:00 horas no Pazo da Cultura.
Ademais das representacións, o festival tamén acolle as exposicións Zoom FIOT 2025 e Manuel Lourenzo. A pegada que continúa. Paralelamente, celebrarase unha reunión da comisión artística da Rede Galega de Teatros no FIOT, convocada pola Agadic.




