O obxectivo principal desta actuación é conectar as poboacións situadas entre as parroquias de Santa María de Bértoa e San Breixo de Oza. Actualmente, esta estrada provincial carece de itinerario peonil, polo que a nova infraestrutura ofrecerá un espazo seguro e de uso peonil e ciclista para a veciñanza, promovendo un contorno máis humanizado e accesible.
A intervención contempla a creación de dous tramos diferenciados ao longo da DP-1902. O primeiro discorrerá dende o punto quilométrico 3+000 ata o núcleo das Encrucilladas. O segundo tramo iniciará o seu percorrido no punto quilométrico 5+000 e estenderase ata o portal número 136, alcanzando a última vivenda do lugar.
A nova senda, cun ancho mínimo de dous metros, executarase en formigón coloreado con fibra e contará con bordo prefabricado de separación coa calzada. As obras incluirán movementos de terras, demolición de pavimentos e peches existentes, instalación de sinalización horizontal e vertical, e a reposición dos servizos afectados.
Tamén se mellorará a rede de drenaxe mediante o formigonado e entubado de cunetas e a instalación de novos sumidoiros e canalizacións de augas pluviais.
Coa aprobación definitiva no pleno provincial, o proxecto conta cun prazo de execución estimado de cinco meses, a partir do día seguinte á sinatura da acta de comprobación de replanteo.




