O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, reuníronse coa directiva de AXOBER, presidida por Diego Iglesias, na nova sede da entidade en Carballo. O encontro centrouse na situación económica, empresarial e laboral de Bergantiños, e nas dificultades das empresas para atopar persoal cualificado, así como na preocupación pola marcha de xente nova cara ás cidades.
A proposta de crear un programa de bolsas busca completar a formación de profesionais mediante aprendizaxe práctica nas empresas, achegando a formación ás necesidades concretas do tecido empresarial e favorecendo que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto laboral e persoal nas comarcas rurais. Este programa tería un alcance máis amplo que Bergantiños e desenvolveríase en colaboración con outras entidades empresariais de zonas rurais da provincia.
Tamén se abordou o apoio ao comercio local nos concellos de máis de 20.000 habitantes, como Carballo, que quedan fóra do programa MercaNaVila. A Deputación explora fórmulas para dar cobertura a este comercio mediante acordos con entidades empresariais.
A reunión tamén serviu para coñecer a etapa de crecemento de AXOBER, que pasou de 86 a máis de 200 empresas asociadas nos últimos dous anos, fortalecendo a súa capacidade de representación e apoio ao empresariado da comarca.




