A polémica xurdiu durante a Comisión Institucional celebrada este mércores no Parlamento de Galicia. O deputado do BNG, Óscar Ínsua, baseándose en información obtida pola vía do artigo 9, afirmou que o 112 recibiu unha chamada dunha veciña ás 03:00 horas da madrugada alertando da riada. Con todo, as actuacións non comezaron ata “seis horas despois”.
“"Non se nega que existise esa chamada ao 112. Informouse á Garda Civil de Tráfico pouco despois e ao GES de Ponteceso, mentres que a Policía Local de Malpica non contestou. Tanto a Garda Civil como o GES non reportaron nada e non houbo ningunha chamada máis en seis horas."
Villanueva argumentou que a resposta foi “correcta” en función da información dispoñible en cada momento. Explicou que, a pesar da chamada inicial, non houbo máis avisos durante as seis horas seguintes, e que os servizos de emerxencias requiren confirmación antes de mobilizar todos os medios, especialmente nun contexto onde o 112 recibe unha media de “2.304 chamadas diarias” e nese período había “centos de chamadas por inundacións”.
Pola súa banda, Óscar Ínsua acusou á Xunta de “escurantismo” e de tentar “esconder” o aviso inicial. O parlamentario do BNG anticipou que solicitará coñecer o contido transcrito ou poder escoitar a gravación da chamada para esclarecer os feitos.




