A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, supervisaron onte o resultado das obras realizadas no centro social da parroquia de O Esto. O proxecto, enmarcado na orde de subvencións para obras de eficiencia enerxética cofinanciada con fondos europeos Feder, permitiu actuar sobre diferentes elementos do inmoble para mellorar o seu comportamento enerxético.
As actuacións centráronse na renovación da cuberta, coa colocación de tella curva vermella e un illamento térmico de 40 milímetros de espesor. Tamén se rehabilitou a fachada mediante un sistema de illamento térmico polo exterior con reforzo de malla de fibra de vidro e acabado con morteiro acrílico. Na carpintaría, substituíronse as antigas ventás por novas fiestras de PVC con dobre acristalamento e instaláronse peitorís de aluminio.
No interior e exterior do edificio renováronse as luminarias fluorescentes por outras de tecnoloxía LED e substituíronse os radiadores por novos equipos de baixo consumo con termóstato. Unha das melloras máis salientables foi a incorporación de enerxía renovable mediante a instalación de catro paneis solares fotovoltaicos de 555 vatios de potencia cada un, xunto co cableado e o inversor necesarios.
O inmoble, construído no ano 1970 para funcionar como escola unitaria e cunha ampliación recente na planta baixa, constitúe un equipamento de uso social para a veciñanza. A delegada destacou a importancia destas intervencións para ofrecer espazos máis confortables e sostibles, reducindo o gasto enerxético e o impacto ambiental.
Na provincia da Coruña, estas axudas beneficiaron a un total de 20 concellos por un importe de máis de 2 millóns de euros. Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, a 5 concellos (Cabana de Bergantiños, Cerceda, A Laracha, Laxe e Vimianzo) destináronse máis de 427.000 euros, mobilizando un investimento total de máis de 534.000 euros.




