Esta iniciativa busca facilitar a participación veciñal no procedemento administrativo en curso. O documento, que toma como base as alegacións presentadas polo propio Concello, está dispoñible para descarga na páxina web municipal alaracha.gal. O prazo para a súa presentación remata o vindeiro 26 de maio.
As alegacións deben dirixirse á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que é a administración competente para resolver o expediente. Non obstante, a cidadanía pode rexistrar a documentación de forma presencial no Concello da Laracha a través do rexistro municipal, ou ben presentala directamente mediante a sede electrónica da Xunta de Galicia.
“"O Concello da Laracha reafirma, unha vez máis, o seu rexeitamento firme ao proxecto da planta de biogás de Soandres."
As alegacións municipais fundaméntanse en aspectos como a protección do patrimonio cultural, os posibles riscos ambientais e a afección aos ríos da zona, os impactos derivados do tráfico pesado e as molestias asociadas aos cheiros que xeraría a actividade. Esta postura de rexeitamento unánime xa fora expresada polo Goberno local, a Corporación municipal e a veciñanza en manifestacións previas.
Ademais, o Concello tamén puxo a antiga escola da Fraga de Soandres a disposición da plataforma veciñal Stop Biogás A Laracha, co fin de facilitar aos residentes da parroquia o proceso de presentación das alegacións.




