A Xunta de Galicia avanza nos traballos de acondicionamento de firme na autovía do Barbanza (AG-11), cun investimento superior aos 10,5 millóns de euros. Estas actuacións requirirán cortes parciais na calzada entre o xoves 6 e o martes 11 de agosto, incluíndo fin de semana.
O corte específico afectará á calzada dereita da AG-11 na saída 19, no enlace de Taragoña en dirección a Ribeira. Para manter a accesibilidade, habilitarase un transfer de tráfico que permitirá circular pola calzada esquerda da autovía.
Estes cortes son necesarios para garantir a seguridade dos usuarios e dos traballadores, e para poder executar os labores de acondicionamento do firme. As obras realizaranse por tramos duns 4 km, alternando os sentidos de circulación e habilitando pasos de mediana para os transfers de tráfico.
A intervención, que abarca máis de 40 quilómetros da AG-11, inclúe a renovación do firme, a substitución da sinalización horizontal se é necesario, e a instalación de elementos de balizamento. Tamén se renovarán as xuntas de dilatación das estruturas e levaranse a cabo actuacións complementarias para mellorar a seguridade viaria.




