O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe o investimento da Xunta de Galicia de máis de 410.000 euros destinado a reforzar a capacidade diagnóstica do Hospital de Barbanza. Esta dotación inclúe unha nova sala de radioloxía e novos ecógrafos para os servizos de urxencias e dermatoloxía.
Durante a visita ao centro, o conselleiro estivo acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Sergas, Salvador Mariño-Ageitos; e o xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Ángel Facio. Puxeron de manifesto como os investimentos se traducen en mellores medios para os profesionais e unha atención máis precisa para os pacientes.
A nova sala de radioloxía, cun investimento de case 250.000 euros, mellora a calidade da imaxe, aumenta a precisión diagnóstica, reduce a radiación e incorpora ferramentas baseadas en intelixencia artificial e tecnoloxía 3D. Permite realizar ao redor de 2.100 estudos anuais e complétase cun equipo portátil para persoas con mobilidade reducida.
O servizo de urxencias tamén mellora a súa capacidade diagnóstica cun novo ecógrafo portátil, que supuxo un investimento de 29.000 euros. Ademais, incorporouse un ecógrafo de última xeración para dermatoloxía, cun investimento superior a 21.000 euros, servizo que realizou preto de 8.200 consultas e máis de 8.400 citas programadas o pasado ano.
O conselleiro explicou que estes investimentos forman parte da estratexia da Xunta para modernizar o equipamento sanitario dos hospitais comarcais e achegar sanidade de vangarda a todo o territorio. Tamén se destacou a recente posta en funcionamento dunha nova ambulancia de soporte vital avanzado con base neste centro, que mellora a atención ás urxencias de máis de 75.000 veciños.
Así mesmo, a Xunta avanza no futuro hospital de día oncohematolóxico, que facilitará tratamentos especializados sen necesidade de desprazamento para os pacientes.




