A iniciativa, froito da colaboración entre o Concello de Boiro e a A. C. Barbantia, ofrecerá unha xornada repleta de actividades para todos os públicos, fusionando música, artesanía e literatura nun ambiente festivo e tradicional.
Desde as 11:30 horas, os asistentes poderán explorar un mercado de artesanía e literatura, que contará con postos de colectivos como as palilleiras de Porto do Son, as ganchilleiras de Bealo, e artesáns como Aloumiños do Ceo ou Quinteiro Doce. Tamén estarán presentes librarías como Nobel de Boiro e Ler da Pobra, xunto cun espazo da propia A. C. Barbantia.
A programación musical e de baile galego comezará ás 12:00 horas na Eira do Pazo coas actuacións de Xilbarbeira e Abanqueiro. Ás 13:00 horas, o xardín do pazo acollerá un concerto sesión vermú a cargo de Maricarme. Despois dun xantar popular, amenizado por Os Pequenos do Barbansa, haberá unha zona infantil con Miudinho Cooperativa no pombal do pazo.
As presentacións institucionais e literarias terán lugar no interior do pazo, destacando as obras Elas de Xulio Gutiérrez e A Compostela de Begoña Caamaño, presentadas por Encarna Otero. A tarde continuará con máis baile galego ás 18:00 horas na Eira do Pazo, con Aroña e Abeloura, e rematará cun concerto de Os D’abaixo ás 19:00 horas.
“"Convidamos á veciñanza de Boiro e a comarca a participar nesta festa da nosa cultura e da nosa lingua, e animamos á xente a vestirse con algunha peza do noso traxe tradicional."




