O Concello do Pino aposta pola arte urbana e convoca o seu segundo concurso de murais, que se celebrará coincidindo coa Festa do Galo Piñeiro os días 1 e 2 de agosto. A zona elixida para a creación artística é un lateral do CPI Camiño de Santiago, situado na rúa do Peregrino.
O certame está dotado cun premio principal de 2.000 euros, ademais da pintura necesaria para a obra. Poderán participar persoas maiores de 16 anos residentes en España que acrediten experiencia previa no pintado de graffitis. O obxectivo é visibilizar, a través do graffiti, as características que rodean o concello do Pino, especialmente a súa vinculación co Camiño Francés e coa propia Festa do Galo Piñeiro, declarada de Interese Turístico de Galicia.
Os artistas interesados terán un prazo de dez días hábiles, tras a publicación no Boletín Oficial da Provincia, para presentar as súas propostas. Estas deberán incluír fotografías de traballos anteriores que acrediten a súa técnica e cualificación. Un xurado de cinco persoas será o encargado de seleccionar a persoa gañadora.
A obra gañadora deberá estar rematada antes do 31 de xullo de 2026, aínda que esta data é estimativa. O graffiti pintarase nunha parede de 2,50 metros de alto por 33 metros de longo, nun espazo de alta visibilidade preto do centro de saúde e da casa da cultura. As obras deben ser orixinais e inéditas.
Ademais do premio en metálico, o Concello do Pino asumirá os gastos da pintura (ata un máximo de 1.000 euros) e facilitará o material necesario, como escadas, para a execución do mural.




