Nunha rolda de prensa celebrada en abril de 2026, portavoces da Plataforma Veciñal contra a Mina de Touro-O Pino, xunto con membros da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Ulloa Viva, Adega e a CIG, manifestaron a súa preocupación pola actitude da Administración galega. Segundo as súas declaracións, a Xunta estaría "cuestionando o dereito básico da cidadanía a participar" mediante o envío de requirimentos a miles de persoas que expresaron a súa oposición a proxectos como a mina de Touro.
“"Estamos aquí para dicir que imos seguir adiante e que esta ditadura que nos está impondo a Xunta non nos vai a parar."
Desde agosto de 2025, particulares e entidades comezaron a recibir comunicacións esixíndolles xustificar a súa condición de "parte interesada" nos procedementos. As plataformas argumentan que a súa condición de "parte interesada" deriva de vivir na zona, consumir auga do río Ulla e depender da ría de Arousa para o seu sustento. Consideran esta actuación como unha "manobra dilatoria" deseñada para "desgastar e desmobilizar" á cidadanía, ademais de ser un "ataque directo aos dereitos democráticos".
As plataformas tamén criticaron o que perciben como un trato desigual, onde as grandes empresas extractivas "se lles abren as portas e se lles facilitan os trámites", mentres que aos veciños "póñenlle trabas, paus nas rodas, máis burocracia e menos tempo para defender". Reafirmaron a súa determinación de non ceder ante estas presións.
“"Queren que calemos, que desistamos. Pois que o teñan claro, porque non imos facelo. Non nos imos a amedrentar, non nos van a intimidar e non imos dar un paso para atrás."
A Plataforma Ulloa Viva destacou a "unidade de acción" entre as organizacións presentes na loita contra os proxectos "extractivos e lesivos" para o medio ambiente. Tamén fixeron referencia ás recentes declaracións do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre a decisión de non recorrer a sentenza que obriga a manter a protección de terreos onde se proxectaba instalar Altri, considerándoo un "trámite previo" que quedaría "subsumido" pola Declaración de Impacto Ambiental (DIA). Finalmente, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa subliñou un "recorte clarísimo das liberdades" e reiterou a unión das plataformas non só na defensa ambiental, senón tamén nos dereitos democráticos da cidadanía.




