A xornada serviu para poñer en valor a contribución do músico á identidade cultural da zona e ao patrimonio musical de Galicia. O evento, que contou cunha notable afluencia de público, incluíu a proxección dunha peza audiovisual que repasou a traxectoria vital e artística do homenaxeado.
O acto estivo dirixido polo concelleiro de Xuventude, quen coordinou as intervencións e a parte institucional antes de proceder á descuberta dunha placa conmemorativa. Esta peza, elaborada por Sargadelos, oficializa o novo nome do edificio municipal.
Durante a cerimonia, destacouse a importancia de preservar o legado das figuras que traballaron na transmisión da cultura popular. A parte musical estivo protagonizada polas agrupacións Fol da Chousa Vella de Santiso, Santiaguiños de Boimorto e Fiadeira de Melide, que interpretaron a Marcha do Antigo Reino de Galiza.




