A vila de Allariz convértese na capital do paisaxismo coa celebración do Fixa, o único festival deste tipo no país. A presente edición, que ten como eixo temático a 'liberdade', presenta nove proxectos paisaxísticos de vangarda chegados de diversas partes do mundo, xunto a propostas locais e os xardíns gañadores da edición anterior.
O acto inaugural, conducido pola xornalista Raquel Rosa e amenizado polo violinista Daniel López, contou coa presenza da alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen fixo entrega dos diplomas aos autores dos novos deseños. A administración provincial colabora co festival dende a súa XIII edición.
O presidente do xurado, Francisco Caldeira, destacou a 'alma e a calidade técnica' das propostas deste ano, mentres que Luis Menor subliñou o festival como un escaparate mundial do deseño paisaxístico onde 'a natureza e a creatividade' dialogan.
“"Hoxe é un día de ledicia pero tamén de moita emoción. Francisco García está hoxe con nós en cada recuncho deste recinto que el tanto amaba."
A alcaldesa Cristina Cid dedicou palabras de lembranza a Francisco García, a quen se lle entregou un cadro como homenaxe. Cid reafirmou o compromiso de manter viva a súa pegada e anunciou que Tino Feijóo será o sucesor de Paco na dirección do festival. Tras o acto, os asistentes percorreron os xardíns, enriquecidos por coreografías da escola de danza Bayadere e sesións de ioga.




