O xogador recibiu o respaldo do Concello no Salón Nobre de Sesións Plenarias da Casa Consistorial. Acompañando ao alcalde Luis Piña atopábase a Primeira Tenente de Alcalde, Mª José Rodríguez. O encontro tivo lugar tras os incidentes ocorridos durante un partido disputado en Gáldar, Gran Canaria.
O partido enfrontou ao MMT Fest Gáldar Gran Canaria e ao Saeplast Cañiza no Pavillón Juan Vega Mateos. Durante o segundo tempo, o encontro da Primeira Nacional foi interrompido e posteriormente continuou a porta pechada debido a insultos de carácter racista dirixidos contra Mateus de Almeida Pedro, segundo consta na acta arbitral.
Na recepción, Mateus de Almeida Pedro estivo acompañado polo seu adestrador, Domingo Borja “Mino”, responsable do equipo Sénior Masculino do club. O alcalde Luis Piña interesouse polo estado do xogador e transmitiulle o agarimo da Caniza, estendendo o apoio aos seus compañeiros e a todo o club.
Luis Piña subliñou o rexeitamento firme do Concello a calquera comportamento racista ou discriminatorio, tanto no ámbito deportivo como fóra del. Destacou que o respecto á dignidade das persoas debe prevalecer sobre a rivalidade ou os resultados deportivos.
“"Mateus, queremos que saibas que non estás só. A Caniza está ao teu lado e ao lado do Club Balonmán Cañiza. No deporte e na sociedade non hai lugar para o racismo."
O Concello da Caniza tamén expresou o seu apoio ao Club Balonmán Cañiza e manifestou a súa confianza en que os organismos competentes investiguen os feitos e adopten as medidas oportunas. Subliñouse que o deporte debe ser un espazo de respecto, convivencia e igualdade.




