O vindeiro luns, 28 de setembro, Judit Baltasar compartirá a súa experiencia como vítima de violencia de xénero e presentará o seu libro «A forza dunha alma rota». O encontro terá lugar no Salón de Plenos do Concello da Caniza, situado na rúa Oriente, 11, a partires das 20:00 horas.
Esta actividade enmárcase no Programa CLARA para mulleres e nenas, unha iniciativa do Concello da Caniza destinada á promoción da igualdade e á prevención da violencia de xénero. Baixo o título «Voces que rompen o silencio da violencia contra as mulleres», búscase visibilizar situacións de violencia, sensibilizar socialmente e dar voz a experiencias silenciadas.
O Programa CLARA, que este ano chega á súa terceira edición, é unha colaboración entre A Caniza e Covelo para ofrecer servizos próximos, gratuítos e especializados ás mulleres. Inclúe atención xurídica e psicolóxica, orientación laboral, actividades de saúde e benestar, e accións formativas en materia de igualdade.
As mulleres de A Caniza e Covelo poden acceder a atención xurídica e psicolóxica os xoves pola mañá con cita previa no Edificio Multiusos da Caniza e no Centro de Maceira (Covelo). Para máis información ou para solicitar cita, os teléfonos de contacto son 606 118 853 / 687 227 495.
O programa está financiado cunha axuda de 16.720 euros da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, cofinanciada pola Unión Europea.
Os alcaldes de A Caniza e Covelo animan á participación nas actividades do Programa CLARA, que busca fortalecer a autonomía, a igualdade de oportunidades e o benestar das mulleres, así como previr e erradicar a violencia de xénero.




