O Alcalde da Caniza, Luis Antonio Gómez Piña, informou hoxe, 30 de outubro de 2026, mediante a Resolución 2026-1481, da declaración dunha situación de escaseza de recursos hídricos. Esta resolución adopta medidas extraordinarias para asegurar a continuidade do servizo municipal de abastecemento de auga potable á veciñanza.
Durante a vixencia da resolución, será obrigatorio o corte da auga na Traída Municipal da Caniza entre as 23:00 horas e as 7:00 horas. Recoméndase aos usuarios extremar o coidado na apertura de billas pola mañá, unha vez restablecido o servizo.
Ademais, prohíbese expresamente o acopio de auga para garantir a efectividade do corte temporal. Tamén quedan prohibidos os usos non esenciais da auga da traída municipal, como a rega de xardíns, hortas e zonas verdes particulares, o enchido de piscinas privadas, o baldeo de rúas, patios ou fachadas, o lavado de vehículos e calquera outro uso recreativo ou ornamental incompatible coa situación de escaseza.
O Concello tamén recomenda á veciñanza reducir o consumo doméstico ao mínimo imprescindible, suxerindo medidas como evitar duchas prolongadas, pechar a billa ao enxaboarse ou lavarse os dentes, utilizar lavadoras e lavalouzas unicamente con carga completa e evitar calquera outro uso innecesario da auga. Recoméndase ademais revisar as instalacións particulares para detectar e reparar posibles fugas.
O Concello poderá realizar controis e inspeccións para verificar o cumprimento destas medidas. O seu incumprimento poderá dar lugar á adopción de medidas legais e á imposición de sancións conforme á lexislación vixente.




