O encontro, que chega por primeira vez á costa cantábrica, prevé concentrar máis dun cento de embarcacións tradicionais galegas e doutras partes da península e Europa. Na última edición, celebrada en 2025 en Ribeira, inscribíronse máis de 130 embarcacións procedentes de Galicia, País Vasco, Cataluña, Palma de Mallorca, Portugal e Irlanda.
Na xuntanza participaron, ademais de Villares, a presidenta e o secretario de Culturmar, Mónica Leiro e Marcos Buide, respectivamente; Pablo Fernández, presidente da asociación ribadense Talameira, anfitrioa desta edición; e Marta Saiz, concelleira responsable de promoción económica e turismo do Concello de Ribadeo.
O evento, que se desenvolve cunha ampla programación cultural e de lecer, conta coa colaboración da Xunta para difundir o patrimonio marítimo e fluvial galego e potenciar o turismo cultural, deportivo e sostible.
Culturmar está integrada por máis de 40 asociacións. A Asociación Cultural e Deportiva Talameira, fundada en 2023, é unha delas e traballa na conservación e promoción dos botes da Ría de Ribadeo.




