A Xunta aposta en Ribadeo pola dixitalización do comercio

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou nunha xornada sobre os retos da dixitalización e a intelixencia artificial para o sector.

A Xunta aposta en Ribadeo pola dixitalización do comercio

Xunta de Galicia · 2026-11-16

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou este luns en Ribadeo nunha xornada sobre os retos da dixitalización e a intelixencia artificial para o sector comercial, enmarcada no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, participou esta tarde en Ribadeo nunha nova xornada baixo o título de Comercio conectado, impulsada pola Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia), neste caso, da man de Acisa Ribadeo.
Alí, Alén destacou a importancia da colaboración co sector comercial para facer fronte a retos como a dixitalización e a intelixencia artificial, ao abeiro do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
A xornada, na que tamén estiveron o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, e o presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas, buscou achegar ás persoas comerciantes, empresarias e profesionais ferramentas prácticas para afrontar os cambios nos hábitos de consumo, aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías e mellorar a seguridade dos seus negocios na contorna dixital.
Nese senso, o director xeral destacou que se aborden cuestións como as aplicacións prácticas da intelixencia artificial en ámbitos como a comunicación, a creación de contidos, a atención á clientela e a organización interna dos establecementos. Tamén as obrigas legais vinculadas ao comercio electrónico, incluíndo os dereitos das persoas consumidoras, as devolucións e as garantías, así como as principais medidas de prevención fronte aos riscos de ciberseguridade.
Información elaborada a partir da fonte oficial: Xunta de Galicia — Notas de prensa (portal central, cubre todas as consellerías) (16/11/2026)