A partir do vindeiro luns darán comezo as obras de mellora das pasarelas e das varandas no contorno da ría de Ribadeo. O investimento, procedente dunha achega da Xunta de Galicia, ascende a 50.000 euros.
O alcalde, Dani Vega, sinalou a importancia de conservar as infraestruturas existentes, moitas delas en estado lamentable tras anos sen mantemento. Subliñou que a Xunta de Galicia trasladou o seu interese en conservar estas estruturas cunha achega económica de preto de 50.000 euros.
Vega explicou que, por motivos de seguridade, é fundamental buscar o orzamento necesario para actuar. Destacou que a pasarela próxima ao edificio de remo estará pechada a partir do luns por atoparse completamente destrozada nas súas vigas e soportes, requirindo unha renovación completa.
O rexedor engadiu que se xestionou o orzamento para mellorar este contorno, moi utilizado pola cidadanía para a práctica deportiva e un estilo de vida máis saudable, subliñando o coidado que merece esta infraestrutura.




