A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas deu luz verde á adxudicación das obras de rehabilitación de tres inmobles situados no casco histórico de Ribadeo. O obxectivo é habilitar un total de seis vivendas de promoción pública destinadas ao aluguer accesible. A Unión Temporal de Empresas (Ute) Inside Oviga Ribadeo, conformada por Inside The Team SLU e Obras y Viales de Galicia SL, será a encargada de executar os traballos cun investimento de 2.166.999 euros.
Esta adxudicación dá continuidade á compra de tres inmobles realizada en 2022, situados nos números 2 e 3 da Rúa Bispo Veres e no número 32 da Rúa Trinidade. A inversión nesa compra ascendeu a preto de 150.000 euros. Dende a consellería sinalan que estes edificios, aínda que forman parte do patrimonio construído e da historia de Ribadeo, presentaban un estado de deterioro.
As novas vivendas rehabilitadas terán unha cualificación pública de carácter permanente, integrándose así no parque de vivendas da Administración autonómica. Unha vez finalizadas as obras, serán adxudicadas en réxime de aluguer a persoas inscritas no rexistro de demandantes do municipio. Daráselles preferencia aos menores de 36 anos.
No caso dos dous inmobles da Rúa Bispo Veres, está previsto crear catro vivendas nun edificio con protección patrimonial integral, xa que un deles formaba parte da antiga muralla medieval da cidade, datada no século XIII. Estes edificios, xustapostos, compartirán zonas comúns e manterán as conexións orixinais entre eles.
A consellería tamén subliña que as obras se realizarán "con especial coidado na conservación de elementos funcionais e decorativos", como recercados e tornachoivas, na reprodución da cuberta orixinal e no uso de lousa do país para o tellado. Estes mesmos criterios aplicaranse ao inmoble da Rúa Trinidade.
Este contrato non só incrementa o parque de vivenda de promoción pública na comunidade, senón que tamén contribúe á rexeneración de contornos urbanos e á fixación de poboación nos núcleos históricos a través da rehabilitación e promoción.




