Os traballos, que culminaron a pasada semana coa intervención da empresa Tragsa, supuxeron un investimento de 225.000 euros. Estas actuacións centráronse na substitución de antigas conducións de fibrocemento por outras de polietileno, así como na renovación das chaves de conexión e corte. O obxectivo principal foi aumentar o caudal e optimizar a eficiencia da subministración de auga a vivendas, granxas e negocios da contorna.
As melloras realizáronse en diversas zonas, incluíndo Celeiro de Mariñaos, as vivendas próximas á praia de Anguieira, a contorna das vivendas sociais de San Cosme e outros tramos e ramais próximos á estrada estatal, tamén en San Cosme, entre a antiga farmacia e a gasolineira.
“"Comezamos hai sete anos cun déficit moi importante nestas infraestruturas que imos corrixindo e que vai mellorando o servizo que recibe cada persoa nas vivendas e nas empresas."
Un gandeiro local destacou o “alivio” que estas melloras supuxeron para o seu negocio, xa que o servizo anterior era deficiente, con roturas frecuentes que provocaban desabastecemento. Tamén unha veciña subliñou a importancia das obras, especialmente para os pisos máis altos, onde a falta de presión impedía o correcto funcionamento da auga quente. Agora, a presión é moito maior, resolvendo este problema e mellorando a calidade xeral da auga.
Estas intervencións dan continuidade a traballos previos realizados o ano pasado, como as melloras no depósito de Merille e na estación de bombeo da Folgueirosa, onde se instalaron novas bombas e se adaptaron as instalacións hidráulicas e eléctricas, cun investimento conxunto de 118.000 euros.




