O Concello de Xove xa recepcionou as obras de mellora e ampliación da curva das Gulpilleiras, situada na estrada provincial LU-P-2604, na parroquia de A Rigueira. A intervención, executada pola empresa Carferlo, contou cun orzamento superior aos 370.000 euros. A actuación foi financiada cunha achega de 206.000 euros da Deputación e 165.000 euros das arcas municipais.
Segundo fontes do goberno local, a obra permitiu "transformar de maneira notable este tramo e mellorar as condicións de seguridade e circulación para os usuarios neste punto concreto da zona da curva". A ampliación foi posible grazas á colaboración dos propietarios das parcelas lindeiras, que cederan de forma gratuíta terreos para a construción dun muro de contención que reforza o terreo e garante a estabilidade da plataforma viaria.
Ademais de mellorar a sección da estrada, a intervención incluíu nova sinalización vertical e horizontal co obxectivo de ordenar a circulación e incrementar a seguridade. Configúrase un triplo carril: dous para a continuidade do tráfico principal e un terceiro para o desvío cara aos núcleos de Soutorredondo e Vila.
Aproveitando as obras, o Concello tamén realizou traballos de mellora na rede principal de abastecemento de auga, substituíndo a antiga canalización que provén de O Torrillón e que conecta co depósito de Montevelle.




