A actuación, cuxo prazo de execución previsto é de seis meses, busca modernizar e pór a punto estas instalacións da Mariña. Os traballos comprenderán a renovación de pavimentos, revestimentos e falsos teitos nos baños e vestiarios, así como a substitución de radiadores e tubaxes do sistema de calefacción. Tamén se renovará parcialmente a rede de saneamento e a conexión ao pozo de bombeo, ademais da acometida ao edificio para o abastecemento de auga.
O Albergue Xuvenil Area forma parte da campaña Modo Verán Activo. Na última edición, a provincia de Lugo ofreceu un total de 2.672 prazas para actividades de lecer xuvenil, das cales 1.963 correspondían a campamentos organizados en varios albergues, incluído o de Viveiro, ademais doutras actividades formativas e de inmersión lingüística.




