O incidente tivo lugar na mañá do luns, cando a Policía Local de Ribadeo se desprazou ao punto para regular o tráfico. A circulación non chegou a interromperse por completo, xa que se habilitou un paso alternativo polo arcén para os vehículos, aínda que a presenza de barro na calzada facía a zona potencialmente perigosa.
Os axentes da Policía Local permaneceron no lugar á espera da chegada da Garda Civil, corpo competente para xestionar a situación nunha estrada nacional. Mentres tanto, operarios de Viaqua, a empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga, procederon ao corte da subministración.
A pesar do corte, os técnicos indicaron que aínda quedaba unha considerable cantidade de auga nos tubos, tanto da traída como do retorno. Agardábase tamén a intervención de medios de mantemento de estradas para retirar a terra e o barro acumulados na vía.




