A programación musical, que se desenvolveu en catro escenarios distintos, contou coa participación de 100 bandas. Entre as formacións máis destacadas que pasaron polo recinto atópanse Iron Maiden, Sabaton, Limp Bizkit e Marilyn Manson, consolidando a cita como un referente internacional para os sons do rock e o metal.
Segundo os datos facilitados pola organización, a xornada do xoves rexistrou a maior afluencia de público na historia do festival. Este crecemento tamén se reflicte no ámbito laboral, xa que o evento permitiu a creación de máis de 1.500 empregos directos e superou os 4.000 postos de traballo indirectos na zona.
No balance económico, a repercusión socioeconómica directa estímase por riba dos 50 millóns de euros, aos que se engaden máis de 60 millóns derivados do impacto mediático. Con estas cifras, o festival reafirma o seu papel como motor cultural para Viveiro, a comarca da Mariña, a provincia de Lugo e o conxunto de Galicia.




