O Sindicato Labrego Galego (SLG) fixo pública a situación, subliñando que a compañía asturiana deixou de recoller o produto a estas explotacións, o que provocou que dúas delas estean a tirar o leite dende o 1 de abril ao non atopar alternativas.
“"Están acabando co rural e a Consellería do Medio Rural sen facer nada ante estos abusos. Parécenos algo inaceptable."
Brais Álvarez, secretario de Acción Sindical do SLG-Comisións Labregas (SLG-CCLL), criticou duramente a actuación de Reny Picot, afirmando que a empresa está a incumprir a Lei da Cadea. Segundo o sindicato, a comunicación da interrupción da recollida e a ruptura do contrato realizouse con só cinco días de antelación, cando a normativa esixe dous meses para que as granxas poidan buscar novas saídas.
O SLG tamén denuncia que as industrias están a presentar “ofertas ilegais” con prezos por debaixo dos custos de produción. Ante esta situación, Álvarez esixiu unha “acción inmediata” á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e á Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), xa que considera que os gandeiros están “desprotexidos baixo a tiranía das industrias”.
O sindicato urxe a convocatoria do Consello Agrario Galego e do Observatorio do Sector Lácteo, órganos que non se reuniron durante esta crise, para buscar solucións reais. A organización non descarta levar a situación á xustiza para defender os dereitos dos produtores.




